Blog literario a gusto de la autora

jueves, 29 de octubre de 2015

O lapis de Rosalía

Unha das grandes vantaxes de volver a estudar LIX (Literatura Infatil e Xuvenil) é que me está a dar a oportunidade de reler "Os libros que marcaron a miña vida" e, especialmente, a miña infancia.
Este é o caso de O lapis de Rosalía, de Antón Cortizas.
É, probabelmente, o libro que máis lin nos meus inicios lectores (xunto coas tiras de Mafalda, os meus primeiros e insubstituíbeis libros de cabeceira). Rosalía ten seis anos e está aprendendo a escribir. O seu pai mércalle un lapis que ... ben, que non é como os demais. E cando unha empeza a escribir, devece por ter un lapis como o de Rosalía.
Mira que probei un lapis tras outro naqueles tempos, mais ningún era como o dela.
Cos anos, descubrín que aquela historia, aquel lapis e aquela nena saíron da mente dun escritor e profesor, chamado Antón Cortizas. Profesor ao que tiven a honra de entrevistar cando estaba no equipo de Normalización Lingüística do instituto e xogabamos a ser intrépidas reporteras (aínda que a miña compañeira, cos anos, cambiou ese xogo e convertiuno en profesión). 
E recoñezo que entrevistar a Antón fixo que o admirase aínda máis e que este libro fose aínda máis especial.
Volver a lelo estes días foi un dos mellores agasallos que me deu a UDC.